Un Premio Lazo Violeta colectivo para as profesións que intensificaron o seu traballo contra a violencia de xénero durante a pandemia

 In 25N, premios lazo violeta

Concello de Marín, por decisión do Consello Municipal da Muller, adicará o XI Premio Lazo Violeta que tradicionalmente se outorga o 25N, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, a todos os colectivos de profesionais que interveñen nos casos de violencia de xénero no municipio e que traballaron -e traballan- duramente durante a pandemia para loitar contra unha lacra que non entende de confinamentos.

Trátase dunha cadea, con diferentes eslabóns e funcións, que son fundamentais para que as mulleres vítimas da violencia de xénero poidan ser atendidas en todo momento. Desta cadea, forman parte:

– A Unidade de Atención á Familia e Muller da Comisaría de Policía de Marín (UFAM) que é a que ten o primeiro contacto cando se produce un caso de violencia machista.

– As e os axentes que prestan acompañamento policial ao Centro de Saúde de Marín cando é preciso un parte médico (Seguridade cidadá) Aquí, continúa a intervención e o traballo das e dos profesionais do Punto de Atención Continuada (PAC) e a Unidade de Traballo Social de Atención Primaria, que manteñen unha atención continuada á vítima, tranquilizándoa e establecendo as primeira pautas para o seguemento do caso.

– No momento de interpoñer a denuncia nas dependencias policiais, é relevante o papel que se exerce desde a Quenda especial de violencia de xénero do Colexio de Avogacía de Pontevedra.

– Unha vez que se pon o caso a disposición do Xulgado de Garda, hai unha intervención do persoal do xulgado e da propia xuíza. Neste punto, préstase especial atención ás medidas sanitarias necesarias e á acomodación do horario acordado coa UFAM e o CIM de Marín para facilitar o recurso de acollemento da vítima fóra da provincia de Pontevedra.

– Por suposto, o contacto continuo desde o minuto un no que se ten coñecemento do caso coas profesionais do CIM e de Servizos Sociais, que durante a pandemia, ademais de todos os apoios que prestan polo normal, continuaron prestando atención psicolóxica e asistencia xurídica para atender a esas demandas concretas derivadas da situación sanitaria. Precisamente, púxose en marcha tamén un teléfono con Whatssap a disposición das mulleres e dos profesionais para posibilitar manter este contacto continuo minimizando o risco.

– Outros servizos que interveñen cando é necesario derivar o caso a outra localidade fóra do municipio é o CRI (Centro de Recuperación Integral para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero) dependente da Secretaría Xeral de Igualdade.

Finalmente, a Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno que procurou en todo momento transmitir todas as informacións necesarias sobre recursos útiles para as mulleres e os departamentos da Secretaría Xeral da Igualdade que colaboraron na axilizacion das necesarias axudas individuais para aquelas mulleres que as solicitaron para abandoar as relacións de abuso.

“Sen o traballo, o esforzo e a implicación de cada unha das persoas que exercen o seu traballo nesta cadea, non sería posible asistir con efectividade ás mulleres e as suas familias e loitar contra a violencia de xénero. Queremos visibilizar o seu importante papel e, sobre todo, agradecerlles o esforzo extra realizado durante os meses de confinamento, que foron especialmente duros”, declarou a concelleira de Igualdade, Marián Sanmartín.

Debido á situación sanitaria tamén está aínda pendente de definise como será a conmemoración deste 25N, que non poderá contar co acto institucional tradicional que se levaba a cabo no Salón de Plenos por cuestións de aforo e de cumprimento das restricións vixentes.

 

Concello de Marín. Recuperado de:http://www.concellodemarin.es/un-premio-lazo-violeta-colectivo-para-as-profesions-que-intensificaron-o-seu-traballo-contra-a-violencia-de-xenero-durante-a-pandemia/

Recent Posts

Leave a Comment

Start typing and press Enter to search